|
Coa lexislación actual sobre o acceso á profesión de avogado, un licenciado en dereito que queira exercer esta profesión só debe acredita-la súa licenciatura, darse de alta do imposto sobre actividades económicas e na Seguridade Social ou na Mutualidade da Avogacía e, finalmente, inscribirse nun Colexio de Avogados logo do pagamento das cotas correspondentes.
Unha vez cumpridos tódolos requisitos sinxelamente burocráticos, o licenciado xa pode exercer de avogado. Pero, ¿estará en condicións para exerce-la profesión con plenas garantías para o xusticiable?, ¿saberá aplica-las nocións xurídicas que aprendeu na facultade no momento no que un cliente lle pida consello?, ¿coñecerá o contido ético e deontolóxico dos seus actosprofesionais?
Os estudios que ofrecen as facultades de dereito están orientados cara a formación de xuristas en xeral e non teñen en conta as peculiaridades de cada profesión xurídica (xuíces, fiscais, secretarios, notarios, rexistradores, avogados, procuradores, etc.). Cabe dicir que esta formación universitaria é axeitada de acordo coa
súa finalidade; pero fai falta complementala cunha FORMACIÓN PRÁCTICA ESPECIFICAMENTE DIRIXIDA Á PROFESIÓN DE AVOGADO.
Ata hai uns anos, esta necesidade de formación práctica asumíana os despachos, o que se coñeceu coa denominación de "pasantía". O fluxo actual de licenciados en dereito non facilita esta fórmula. Parece, pois, que as Escolas de Práctica Xurídica son o vehículo axeitado para asegurar, a todo aquel que o precise, unha formación correcta como avogado. E é que a FUNCIÓN SOCIAL DA AVOGACíA, consistente na defensa xurídica dos dereitos e intereses que se lle confían, esixe esa formación de avogado. Esta formación práctica é tanto ou más necesaria cando se trata de defende-los dereitos e intereses dos cidadáns con poucos recursos económicos e que se ven na obriga de ter un avogado de oficio. A súa situación económica non os debe converter en cidadáns de segunda categoría e, polo tanto, tamén merecen unha boa defensa.
Neste sentido, os Colexios de Avogados teñen a dobre función de regula-la quenda de oficio e de asistencia ó detido, e de velar para que este servicio, en tanto que servicio público xestionado polos colexios que ó mesmo tempo son CORPORACIÓNS DE DEREITO PÚBLICO, teña a calidade axeitada.
Por todas estas razóns, no ano 1995 o Colexio de Avogados de Ourense puxo en marcha a Escola de Práctica Xurídica "Pérez Ávila" que ofrece a EXPERIENCIA e o APOIO dos avogados que exercen na cidade e provincia.
HOMOLOGACIÓN
A necesidade de que existan escolas de práctica xurídica (EPX) propiciou a súa proliferación. Para poder garanti-las as expectativas de calidade, o Consello Xeral da Avogacía Española (órgano representativo, coordinador e executivo superior dos colexios de avogados do Estado español) dictou, con data 25 de xullo do 1996, as normas de homologación das EPX españolas. Esta homologación ofrece unhas garantías mínimas de calidade nas prácticas que se deben realizar nas EPX homologadas, xa que é obxecto de control permanente, así como de revisión e renovación anual. No último listado de EPX homologadas que publicou o Consello Xeral da Avogacía Española na súa revista de febreiro do 1997, relaciónanse 61 escolas homologadas. UNHA DESTAS ESCOLAS HOMOLOGADAS É A EPX "PÉREZ ÁVILA"
Por outra banda, dende a súa fundación, a EPXPA participa activamente nas xornadas anuais da EPX de España, e cumpre tódolos requisitos establecidos polas propias escolas canto á duración, contidos, prácticas externas, criterios de avaliación, capacitación pedagóxica dos preparadores, criterios metodolóxicos e procedementos.
Ourense, outubro do 1998
|